Saturday 04 de May de 2024

A Xunta amplía o proxecto “Acende o Xacobeo” iluminando, desde o pasado 23 de decembro e ata o 7 de xaneiro, 18 edificios emblemáticos na provincia da Coruña


― O delegado da Xunta na Coruña participou no acendido que tivo lugar este domingo na Torre de Hércules

― A iluminación nestes edificios, polos que pasa o Camiño de Santiago, será na cor azul, co logotipo do Xacobeo 21-22 e coa frecha amarela

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta tarde no acendido do programa Acende o Xacobeo, que inclúe a iluminación de 18 monumentos singulares da provincia, desde o pasado 23 de decembro e ata o 7 de xaneiro.

Co gallo do comezo do segundo Ano Santo e recollendo o éxito da primeira iniciativa Acende o Xacobeo coa que a Xunta dáballe a benvida á celebración deste Xacobeo excepcional, arrincou unha nova edición desta proposta, que ilumina medio cento de edificios significativos de toda Galicia distribuídos polos dez itinerarios xacobeos.

A iluminación na comunidade galega ten lugar durante as fins de semana en cor azul e coa frecha amarela e o logo do Xacobeo 21-22 nun total de 52 edificios das catro provincias. Na provincia da Coruña concretamente iluminaranse 18 edificios nas cinco comarcas.

Concurso fotográfico
Do mesmo xeito en que se fixo o ano pasado, a segunda edición do Acende o Xacobeo tamén terá o seu concurso fotográfico. Unha vez comece a iluminación dos monumentos o 23 de decembro, abrirase nas redes sociais un concurso fotográfico para animar ao público xeral a compartir esta iniciativa.
Os participantes só terán que publicar unha fotografía na que se vexa persoas xunto a un dos monumentos iluminados baixo os hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeElXacobeo e etiquetando as redes sociais do Camiño de Santiago. As fotografías poderán publicarse nas redes sociais de Facebook, Twitter ou Instagram do Camiño de Santiago (@camino_xacobeo).

O concurso estará aberto ata o remate da iluminación e as tres mellores fotografías recibirán un premio consistente nunha estadía para dúas persoas nun fin de semana nun hotel-balneario de Galicia en réxime de pensión completa.

Trenor destacou que esta é unha iniciativa máis dentro do Xacobeo 21-22 que está a supoñer unha oportunidade histórica para a reactivación do sector turístico e da economía galega e tamén para proxectar Galicia no exterior, a través dun elemento de referencia tanto a nivel nacional como internacional como é o Camiño de Santiago.

O delegado da Xunta puxo en valor a implicación de todos os concellos galegos nun Xacobeo diferente e descentralizado debido á covid-19 pero o mellor dos Xacobeos posibles, do que asegurou que todos os turistas e peregrinos que se están achegando Galicia, que xa superaron os 170.000, están tendo todas as garantías grazas a todas as medidas levadas a cabo para contar cun Camiño Seguro.